CRTVG

Buscar

Localizan o cadáver dunha muller de 83 anos nunha piscina particular de Narón

Publicado o 18/08/2021 09:32

O corpo dunha muller, de 83 anos, foi localizado sen vida sobre as 21:00 horas deste martes nunha piscina particular do lugar do Carballo, na parroquia de Pedroso, en Narón.

O persoal sanitario tan só puido confirmar o falecemento da muller á súa chegada ao lugar, a onde tamén se desprazaron axentes da Policía Local de Narón, Policía Nacional e profesionais do Servizo de Protección, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) deste municipio coruñés.

A falecida non residía na casa dos propietarios da piscina, pero si era veciña do lugar, onde, ademais, está descartado que a muller morrese por mor dunha caída fortuíta, xa que se trata dunha instalación que non está ao nivel de chan e á que é necesario acceder a través dunhas escaleiras.

Axentes da Policía Científica da Policía Nacional, da comisaría de Ferrol-Narón, fixéronse cargo deste suceso para tratar de esclarecer o sucedido.

Ao lugar tamén se desprazou unha comisión xudicial para autorizar o levantamento do cadáver e o seu traslado ao Hospital Naval de Ferrol, onde está previsto realizarlle a autopsia na mañá deste mércores.

 

 

Noticias web

18/08/2021