CRTVG

Buscar

Desmantelan nas Somozas a maior plantación de marihuana de Galicia

Publicado o 24/07/2019 18:14

A Garda Civil desmantelou unha nave no polígono das Somozas dedicada ao procesamento e distribución de droga. Na operación detiveron sete persoas, seis de orixe chinesa e unha británica, e requisaron máis de catro mil plantas de marihuana plantadas nunha superficie de dous mil setecentos metros cadrados.

Esta nave levaba sen actividade dende ano e medio e unha banda organizada converteuna nun invernadoiro industrial. Ten máis de 2.700 metros cadrados cunha organización sen precedentes en Galicia. Todo o sistema de produción estaba industrializado e automatizado, en que empregaban 1.200 litros de auga diarios para regar as máis de catro mil plantas que requisaron e había luz continua en todas as naves. Aquí atoparon centos de sacos de sustrato e garrafas de fertilizantes.

"Para garantir a rega, a temperatura estable, a ventilación é bastante boa, é unha calidade notable, o que indica o grao de organización e que os que estaban aquí eran simples peóns", explicaron os responsables da investigación.

Empregaban as antigas oficinas para separar os gromos das plantas e envasalas para o seu transporte. 

"Ademais, todo parece indicar que o procesamento se facía fóra de aquí. Aquí facíase a colleita e enviábase a algún outro punto para o tratamento. Por iso non estamos en condicións de facer unha valoración e todo está pendente da investigación, que terá que ser posterior", asegura a Garda Civil.

As plantas estaban separadas en distintos cuartos feitos con pladur segundo a súa fase de crecemento, floración ou secado. Na mesma nave vivían as seis persoas chinesas detidas sen instalacións básicas como cuarto de baño ou cociña.

Pilar López-Riobóo, subdelegada do Goberno na Coruña: "Non é a primeira en España que se fai, a primeira operación desta condición, pero si en Galicia. Tíñamos noticia de que houbo algunha parecida no sur, pero en Galicia é a primeira operación que temos destas características e desta magnitude. Os detidos vivían dentro da nave. Veredes nas condicións infrahumanas en que vivían".

A Garda Civil vai recoller as plantas de marihuana e destruílas na central térmica das Pontes. A investigación lévaa o xulgado número un de Ferrol.