CRTVG

Buscar

Localizan dous novos gromos en núcleos familiares na provincia de Ourense

Publicado o 15/08/2020 15:26

Dous novos gromos de afectados con covid-19 foron detectados en municipios da provincia de Ourense nas últimas horas. Segundo trasladaron fontes sanitarias, un deles é un caso importado nun mesmo núcleo familiar, no Carballiño, no que deron positivo unha muller de 42 anos, dous mozos de 22 e 28 e outra de 16 anos de idade, todos eles residentes no municipio.  

Os catro permanecen en illamento e con seguimento domiciliario, e estase aplicando o protocolo de estudo para analizar os seus contactos estreitos para realizar as probas diagnósticas correspondentes.  

Doutra banda, detectouse un novo gromo que non está adscrito a unha área determinada, que afecta a unha muller de 48 anos e a outras dúas de 47 e 35 que son do mesmo núcleo familiar, todas en illamento domiciliario. A área sanitaria da zona de Ourense, Verín e O Barco deu a coñecer este sábado os datos actualizados de epidemioloxía, que conta con tres ingresos e 75 casos en seguimento domiciliario, nos que veñen incluídos os positivos destes gromos localizados.

Brotes en Lugo

Novo gromo de coronavirus na provincia de Lugo. En Cospeito os últimos datos falan de dez persoas que deron positivo na proba PCR que lles fixeron. Outras 27 están en corentena na casa. En Castro de Rei, onde un xornaleiro dera positivo hai unha semana, hai activos outros seis casos. No barco que leva dez días parado en Burela volveron repetir as probas esta mesma mañá e ata o luns non saberán os resultados.   

No gromo con orixe no concello lucense de Cospeito hai xa polo menos unha decena de persoas infectadas co coronavirus. Os seus contactos, case unha trintena, están confinados na casa.

Fálase de que unha das persoas contaxiadas é traballadora do Servizo de Axuda no Fogar. Leva xa unha semana de baixa. Outra afectada é unha persoa de idade avanzada, que está ingresada.

Hai pouco ánimo en Cospeito. Sexa por precaución para evitar contactos con persoas contaxiadas ou porque é unha xornada festiva as rúas están case baleiras.

É outro dos focos localizados en Lugo. Os afectados son xornaleiros que viven en Castro de Ribeiras de Lea e están empregados nos invernadoiros da zona. Os seis positivos trasladáronse de piso para evitar contaxios co resto de traballadores. En total fixeronse 315 test. Os contactos directos cos que deron positivos mantéñense illados.

En Burela, continúa varado o barco no que a tripulación deu positivo. Xa van dez días desde que se notificou o primeiro caso. Esta mesma mañá volveron repetir as probas.

En total, en toda a provincia hai 104 casos activos, seis máis ca onte, dos que catro están hospitalizados e un cento permanecen illados na casa.

Noticias web

15/08/2020