O Goberno galego propón unha reapertura gradual e asimétrica da hostalería
• Habería catro fases. Na primeira delas, poderá abrir ata as cinco da tarde cos locais ao 30 % no interior e a terraza ao 50 %
• Os hostaleiros reclaman que xa poidan xuntarse non conviventes
• Feijóo: "Podería haber boas novas para o sector antes da ponte"
Reunión esta mañá entre a Xunta e representantes da hostalería e do turismo para deseñar as fases de reapertura, que despois irá decidindo o comité clínico en función da situación de cada municipio.
Serán catro fases. A proposta arranca dunha situación como a que viven agora as áreas con peche perimetral.
O seguinte paso (fase 2), naqueles lugares onde se produza unha melloría, sería unha apertura dun 30 % no interior dos locais e dun 50 % no exterior, con horario ata as cinco da tarde. E en principio só conviventes, aínda que a hostalería reclamou que sexan non conviventes ata un máximo de catro persoas. Será algo que se decidirá mañá.
A continuación (fase 3), ampliaríase o horario ata as once da noite e grupos ata un máximo de seis non conviventes. E se a situción segue mellorando ampliaríanse as ocupaciónm ata o 50 % en interiores e o 75 % nas terrazas.
Na cuarta fase non se establecerían límites de ocupación. Na Xunta din que son niveis moi progresivos para tentar evitar unha volta atrás.
En todo caso, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que será o comité clínico o que fixe os niveis.
Antes desa reunión, o sector volvía manifestarse en Pontevedra. Falan dunha situación crítica ás portas dun novo mes no que chegan novas facturas.