CRTVG

Buscar

Lobios, o único concello galego con restricións máximas ante a incidencia do virus

Publicado o 23/05/2021 14:28

Cunha incidencia acumulada que supera o milleiro de casos por cada cen mil habitantes, o concello ourensán de Lobios entrou esta fin de semana no nivel máximo de restricións. É o único concello galego nesta situación.

As terrazas están postas, pero baleiras. Ninguén pode sentar hoxe aquí. A hostalería está pechada e o concello, tamén. Non se pode entrar nin saír, só circular de paso.

"Claro que é fastidioso, hai que ir para o monte, eu veño de alí agora".

Hai 20 casos activos, o pico desde que comezou a pandemia. Algún veciño pisaba hoxe a rúa por primeira vez tras o confinamento domiciliario.

"Isto foise dunha maneira das mans, pero en fin... Vivimos onde vivimos, non hai máis".

As restricións, as máximas de toda Galicia, baleiran as rúas e dispersan a xente, só relacións entre conviventes, o resto, a distancia.

"Consideramos que isto é unha transición, que en breve volveremos á normalidade, aos niveis aos que viñamos estando ata o momento", asegura Mari Carmen Yáñez Salgado, alcaldesa de Lobios: 

"Iso si, saímos da capital municipal e a cousa cambia. En Riocaldo, o balneario segue pechado, os bares tamén, pero os visitantes seguen chegando".

"Gerés, fronteira, entramos... ninguén nos dixo que non se podía".

Só os autóctonos se mostran informados.

"Teño os meus filliños en Ourense, estou eu soíña aquí, porque non poden vir".

Agardan que a incidencia vaia remitindo nos próximos días para recuperar a actividade.

Noticias web

23/05/2021