Lobios segue coas restricións máximas e Padrón, Laza e Cambados abandónanas
A cara... e a cruz. Padrón celebraba hoxe a liberación das restricións máximas coa primeira feira e unhas concorridas terrazas nun día de sol.
"Era necesario baixar do nivel máximo ao medio, que a hostalería empece a funcionar. Creo que todos o acollemos con felicidade porque xa farta, despois de tanto tempo", di Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón.
Todo o contrario do que sucede en Lobios, que esta fin de semana entrou nese nivel máximo de restricións.
Hai 20 casos activos nunha poboación de 1.700 habitantes, e a cousa polo momento non mellora. Toca pechar a hostalería e meterse na casa: non se pode entrar nin saír do concello salvo causa xustificada.
"Consideramos que isto é unha transición, que en breve volveremos á normalidade, aos niveis en que viñamos estando ata o momento", asegura Mari Carmen Yáñez Salgado, alcaldesa de Lobios.
Lobios é o único concello galego no nivel máximo. Ademais de Padrón, saíron desta situación Laza, que descende ao nivel medio baixo, e Cambados, que queda no nivel alto pero xa sen restricións de mobilidade.