Llarena busca o aval da xustiza europea antes de actuar contra Puigdemont
O maxistrado do Supremo Pablo Llarena expuxo unha cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre a euroorde, tras a cal decidirá se mantén, retira ou emite unha nova contra o expresidentd da Generalitat Carles Puigdemont. Horas despois de saber que o Parlamento Europeo lle retirou a inmunidade a Puigdemont, o instrutor do procés ditou un auto en que pide ao TXUE que se pronuncie sobre o alcance das posibilidades de emisión dunha euroorde e polas razóns para a súa denegación.
Llarena acode á Xustiza europea unha vez que as autoridades xudiciais belgas denegaron a entrega do exconseller Lluís Puig, porque entenden que o órgano competente para instruír a causa non é o Supremo senón un tribunal catalán e porque a súa entrega poñería en perigo dereitos fundamentais como a presunción de inocencia. Un escenario que, de non consultar previamente ao tribunal europeo, podería exporse de novo co expresident catalán en Bélxica, de aí se explica o paso dado por Llarena ante Europa.
Coa resposta do TXUE o maxistrado decidirá se mantén, retira ou emite novas euroordes respecto a Puigdemont, os exconsellers Puig, Antoni Comín e Clara Ponsatí e a secretaria xeral de ERC Marta Rovira, procesados en rebeldía polos delitos de sedición, malversación de fondos públicos ou desobediencia.