A Coruña leva catro días sen a recollida completa de lixo
Por cuarta xornada consecutiva, esta noite tampouco saíron a traballar todos os camións que forman parte do servizo de recollida de refugallos da Coruña. Os traballadores aseguran que algúns vehículos teñen eivas importantes de seguridade.
A noite pasada quedaron sen recoller algo máis de 100 toneladas de lixo na cidade da Coruña, segundo datos dos representantes dos traballadores. Dos 25 camións que forman a frota de recollida, saíron 16 cubrir o servizo. Cinco deles volveron por deficiencias de seguridade.
Miguel Ángel Sánchez, secretario xeral de traballadores da limpeza: "Facemos o que podemos e vai ser imposible que mañá estea todo recollido. Nós non pedimos nin melloras salariais nin reivindicamos máis dereitos. O único problema son as condicións de seguridade en que temos que traballar".
Os traballadores e o Concello deron de prazo ata o 12 de maio para que Cespa, a concesionaria do servizo, repare os problemas de seguridade detectados nos vehículos. Se non o fai, os traballadores convocarán unha folga indefinida. A empresa di que as incidencias no servizo son escasas e de baixa importancia.