CRTVG

Buscar

Baixa o número de falecidos por coronavirus, pero seguen aumentando os contaxios en España

Publicado o 15/04/2020 12:35

• O número total de falecidos elévase a 18.579, 523 nas últimas 24 horas

• Aumenta o número de contaxios: 5.092, fronte aos 3.045 de onte

• O atraso na notificación de positivos da Semana Santa e o aumento de probas, motivos da repunta dos contaxios

Lixeiro descenso no número de vítimas mortais: 523 nas últimas 24 horas, pero máis contaxios: 3.092.

Son 523 as vítimas mortais nas últimas 24 horas. Volve baixar a cifra de mortos respecto a onte, que foi de 567, e repunta algo respecto á do luns, día en que houbo 517 vítimas mortais.

Cos de hoxe, o número de falecidos elévase en total a 18.579 en toda España desde que comezou a pandemia, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Sanidade.

Cos últimos datos de Sanidade, segundo as cifras que comunican as comunidades autónomas, nas últimas 24 horas aumentou o número de contaxios respecto aos datos de onte. Hoxe comunicaron oficialmente 5.092 novos contaxios, fronte aos 3.045 que se comunicaron oficialmente onte.

Nos datos ofrecidos hoxe polo ministerio sobre contaxios tamén hai unha novidade. É a comunicación de Andalucía de 169 positivos asintomáticos, incluídos no total de confirmados.

Cos datos de hoxe, no número total de contaxios confirmados oficialmente en España é de 177.633 persoas con COVID-19.

A cifra máis alentadora é a de número de curados: 70.853. Deles, a 3.349 persoas comunicóuselles onte.

As comunidades autónomas máis afectadas seguen sendo Madrid, con 49.526 positivos en coronavirus e 6.724 mortos; Cataluña, con 36.505 e 3.756 falecidos, e xa afastadas Castela-A Mancha, con 14.680 persoas contaxiadas e 1755 falecidos, e Castela e León, con 13.697 contaxios e 1.337 vítimas mortais.

A comunidade menos afectada segue sendo Murcia, con 1.520 contaxios e 109 falecidos. Moi afastadas en positivos están as cidades autónomas de Melilla, con 102 contaxiados, un máis ca onte, e 2 persoas falecidas, e Ceuta, con 98 casos positivos, 3 máis ca onte, e 4 vítimas mortais.