CRTVG

Buscar

Aparecen tres novos casos de listeriose e 48 pacientes, deles dúas embarazadas, seguen ingresados

Publicado o 07/09/2019 21:38

Os embutidos da marca Sabores de Paterna pódense atopar en establecementos de todas as comunidades, agás en Asturias, Ceuta e Melilla. O Ministerio de Sanidade ordenou retirar do mercado e requisar todos os produtos elaborados pola empresa gaditana. É unha medida preventiva, tomada tras confirmarse que desa fábrica saíu un lote de 300 quilos de carne mechada contaminada con listeria. Vendeuse en Andalucía e Madrid. Polo momento non hai ningunha persoa afectada.

"Nos brotes hai que ser prudentes e cautelosos ata que se estuden na súa totalidade", asegura María Luisa Carcedo, ministra de Sanidade en funcións.
Logo desta segunda alerta alimentaria por listeriose, a Asociación de Consumidores Facua pide coñecer cando e como se inspecciou a empresa.

"Cremos que hai erros de vulto que se veñen producindo en Andalucía dende hai anos, como tamén se poden producir noutras comunidades autónomas que consisten nunha mala regulación e un deseño lamentable dos protocolos de comunicación ou de non comunicación entre as administracións", di Rubén Sánchez, voceiro de Facua.

Os investigadores buscan se hai algunha conexión entre Sabores de Paterna e a empresa sevillana Magrudis, que ocasionou un brote de listeriose con 210 afectados en Andalucía. Nas últimas horas aínda se detectaron tres novos casos . Hai 48 persoas hospitalizadas.

Noticias web

07/09/2019