CRTVG

Buscar

Lisboa, epicentro de contaxios e mortes en Portugal na última semana

Publicado o 28/05/2020 09:08
Lisboa, epicentro de contaxios e mortes en Portugal na última semana

Lisboa e a súa área metropolitana convertéronse esta semana no principal foco de expansión e de falecidos por coronavirus en Portugal ata o punto de que nas últimas 24 horas o 97% dos positivos rexistráronse nesta zona do país. Dos 285 novos contaxios detectados en Portugal nas últimas 24 horas, 277 corresponden á rexión lisboeta

En total, Portugal, que se atopa na segunda fase da desescalada e que o día 6 de xuño abrirá oficialmente a tempada de baño nas praias, suma desde o 1 de marzo pasado 31.292 contaxiados, dos que 10.055 corresponden a Lisboa.

O país rexistra 1.356 mortos tras os 14 contabilizados nas últimas horas, 10 deles en Lisboa

A directora xeral de Saúde de Portugal, Graça Freitas, dixo hoxe en conferencia de prensa que "o que está a suceder en Lisboa é o que ocorreu noutras zonas do país", xa que o virus aínda se propaga polo territorio portugués, aínda que de forma "diferente segundo as localidades". 

Desde o inicio da pandemia, Portugal destacou en Europa como un dos países que mellor controlou a expansión do coronavirus, polo que xa retomou, con certas restricións e medidas de seguridade, gran parte da súa actividade social e empresarial.

O Reino Unido comunica 412 novas mortes por COVID-19 e alcanza as 37.460

O Reino Unido comunicou hoxe 412 novas mortes por COVID-19 en residencias, fogares e domicilios, o que aumenta a cifra de falecidos ata os 37.460, e detectou 2.013 novos casos de coronavirus, informou o Ministerio de Sanidade británico.  

O Goberno británico continúa cos seus plans de desescalada e planea reabrir escolas e mercados ao aire libre en Inglaterra a partir do próximo luns, aínda que o resto de rexións do país (Escocia, Gales e Irlanda do Norte) seguen unha folla de ruta moito máis restritiva.

Johnson rexeita investigar a Cummings e pide "pasar páxina" do escándalo

O primeiro ministro británico, o conservador Boris Johnson, rexeitou hoxe ante o principal comité do Parlamento que o Goberno investigue o seu asesor Dominic Cummings por saltar o confinamento contra a COVID-19 e pediu aos deputados "pasar páxina" do escándalo

"Non estou seguro de que unha investigación sobre este asunto sexa un bo uso do tempo agora mesmo", sostivo Johnson, que se enfrontou a críticas por parte de deputados da súa mesma formación por manter o seu respaldo incondicional a Cummings, cerebro da campaña do 'brexit' en 2016.  

Pola súa banda, o conservador Simon Hoare advertiu de que os cidadáns británicos poden ser menos proclives a respectar o confinamento ante a percepción de que a man dereita do primeiro ministro saltou as normas sen consecuencias.

Francia encadea oito días con menos de 100 mortos diarios en hospitais

Francia rexistrou este mércores por oitavo día consecutivo menos de 100 mortes diarias por coronavirus nos hospitais, onde desde o inicio da epidemia morreron 18.260 persoas.

En total, faleceron no país 28.596 persoas por COVID-19, indicaron as autoridades sanitarias. Delas, 65 morreron en hospitais nas últimas 24 horas. As cifras de falecementos en residencias de anciáns e centros de dependencia non se actualizarán ata este venres, segundo comunicaron.

A Dirección Xeral de Sanidade engadiu hoxe que hai 15.680 persoas hospitalizadas por COVID-19. Delas, 1.501 están en unidades de coidados intensivos (UCI), pero o saldo neto entre ingresos e altas nestas últimas segue sendo negativo, con 54 persoas menos nas últimas 24 horas.

O Goberno francés detallará este xoves as grandes liñas da segunda fase da desescalada, que acelerará a volta á normalidade coa reapertura prevista de bares, restaurantes ou lugares culturais.