CRTVG

Buscar

Liñares nega que cobrara subornos, pero imputados recoñecen que lle pagaron

Publicado o 23/02/2021 18:28
Liñares nega que cobrara subornos, pero imputados recoñecen que lle pagaron

O expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, que hoxe sentou no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo para responder polos delitos de suborno e prevaricación cando estaba á fronte do organismo, negou hoxe na vista oral que recibise diñeiro pola adxudicación de obras a determinadas empresas. 

Fernández Liñares, que só aceptou contestar a preguntas do seu avogado, Evaristo Nogueira, dixo que é “absolutamente falso” que algunha vez cobrase subornos a cambio da adxudicación de obras contratadas polo organismo, ademais de precisar que el non era o encargado deses procesos na Confederación Hidrográfica. “No meu despacho nunca houbo un expediente de obras”, dixo Liñares, quen tamén asegurou que “nunca” chegou a custodiar ningún documento relacionado cos contratos que formalizaba a propia Confederación. “Eu non estaba para nada no tema de contratación”, insistiu. 

Ademais, lembrou que neses procesos de contratación, para garantir o “bo funcionamento” da CHMS, incluíuse a presenza do “avogado do Estado e do interventor de Facenda”. Tamén dixo descoñecer se realmente existían acordos previos entre as empresas que optaban a eses concursos para repartiren os contratos da CHMS, aínda que dixo que non estrañaría. “Non me estraña nada que as empresas tivesen acordos previos”, dixo a preguntas do seu avogado, algo que ao seu xuízo é posible “pola derivada non querida da publicidade” que había que darlles “aos contratos públicos”. “Non o sei, pero sospeito que podía haber certos convenios entre eles”, engadiu, aínda que “o descoñezo”.

Na primeira xornada do xuízo tamén prestaron declaración os demais imputados na causa, nove en total, algúns dos cales, segundo informaron fontes xurídicas, xa chegaron a acordos previos coa Fiscalía a cambio de recoñecer os feitos. A maioría deles recoñeceu pagarlle a Fernández Liñares cantidades en metálico a cambio da concesión de obras. Algúns mesmo confesaron na vista oral que buscaron outras empresas para amañar os concursos e asegurarse o contrato. 

Algún dos empresarios procesados afirmou que foi Fernández Liñares quen lles pediu o diñeiro, pero outros dixeron que llo entregaron a modo de gratificación por facerse cos contratos. Cantidades que oscilaban, segundo o seu testemuño, entre 15.000 e 25.000 euros. Outro dos imputados asegurou que el mesmo lle entregou un sobre con diñeiro “en man”. 

No momento das cuestións previas, a Audiencia Provincial de Lugo acordou “a nulidade” das declaracións efectuadas por Fernández Liñares despois do 23 de setembro de 2011 , aínda que non as actuacións previas nin os demais “actos procesuais” que figuran na causa contra el por prevaricación e suborno. 

O avogado que se ocupa da defensa Fernández Liñares solicitara “a nulidade de absolutamente todo o proceso” ao considerar que o seu patrocinado estivo “privado de liberdade de forma irregular”. O letrado Evaristo Nogueira dixo “todas as declaracións” realizadas por Fernández Liñares ante a xuíza instrutora “foron realizadas nunha situación de privación de liberdade irregular”. De feito, afirmou que o seu patrocinado “declarou catro veces”, a primeira delas “excedido, e non por pouco, o límite de 72 horas” establecido pola lei para “unha detención xudicial”.

Desde o seu punto de vista, produciuse “un atentado contra o dereito á liberdade”, porque non existiu “unha resolución xudicial amparada en dereito” para envialo a prisión, de onde saíu por orde da propia Audiencia Provincial. “Nun proceso penal hai unhas liñas vermellas que non se poden traspasar. Aquí traspasáronse”, dixo Nogueira, porque “non é igual declarar en situación de liberdade” que privado dela “nun centro penal”.

En canto ás condicións en que prestou declaración despois de ser detido, o propio Fernández Liñares insistiu en que foi sometido a “presións”, ademais de afirmar que “se atopaba moi mal”, por mor da diabetes e da tensión nerviosa, ata o punto de que creu as “ameazas” de que ían tirarlle “ a casa” se non confesaba. Finalmente, a sala declarou a nulidade das declaracións efectuadas por Fernández Liñares unha vez superado o período máximo de detención. En todo caso, o presidente da sala aclarou que non queda anulado ”o actuado anteriormente” na causa nin tampouco os demais “actos procesuais” que figuran no procedemento. 

A Fiscalía sostén no seu escrito de acusación que Fernández Liñares se aproveitou do seu cargo como concelleiro, entre os anos 1999 e 2008 para “tecer unha rede de intereses económicos, concedendo contratos, postos de traballo ou ben a xestión de servizos públicos a entidades en que o acusado estaba interesado”, a cambio “de subornos ou de cantidades periódicas coas que incrementou notablemente o seu patrimonio”. 

Segundo o ministerio público, desde o seu cargo como presidente da CHMS, entre os anos 2009 e 2012, Fernández Liñares seguiu coas mesmas prácticas que desenvolvera nos seus anos como edil do Concello de Lugo, no Goberno municipal que presidía José López Orozco, de modo que aproveitou o seu posto para adxudicar contratos a cambio de diñeiro ou favores.

A Fiscalía mantén que o sospeitoso utilizou o procedemento negociado, previsto para contratos cun importe inferior a un millón de euros, para tecer unha trama con varios empresarios, que simulaban presentar ofertas cando, en realidade, repartían entre eles as adxudicacións, que suman uns corenta contratos nos anos que Fernández Liñares estivo á fronte do CHMS. No proceso, de feito, figuran outros nove procesados -dez en total- para quen o ministerio fiscal solicitaba inicialmente a mesma pena de cárcere.