CRTVG

Buscar

Limitan o acceso de visitas ao Arquitecto Marcide de Ferrol a causa de dous gromos no hospital

Publicado o 12/01/2021 15:03

Os dous gromos detectados no terceiro andar do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol afectan, polo momento, 11 pacientes e un sanitario. A súa orixe, descoñécese. 

"Os gromos reflicten a circulación do virus. Ninguén pode estar afastado del. Na terceira planta detectáronse pacientes que eran positivo e tivemos que poñer en marcha outros protocolos para garantir o rastrexo", di Ángel Facio Villanueva, xerente da área sanitaria de Ferrol.

Así que mentres segue o rastrexo, suspendéronse temporalmente as visitas e só se permite un acompañante nos casos de pacientes dependentes ou menores de idade.

Preocupa tamén a presión hospitalaria: "Estamos a recoller o aumento de socialización que houbo nestas datas e como vén cun atraso de 10-15 días aínda estamos lonxe de chegar ao máis complicado".

Segundo os últimos datos facilitados polo Sergas, en 24 horas diagnosticáronse 49 casos positivos. As persoas coa infección activa soben a 598 e hai un total de 67 hospitalizados, 62 en planta e 5 na UCI. Con todo, o peor agárdase para finais de xaneiro, así que piden non baixar a garda en ningún momento.

Noticias web

12/01/2021