Limitan a navegación de veleiros en Galicia para evitar os encontros coas candorcas
Os expertos din que estes animais se achegan por curiosidade ás embarcacións
Os veleiros de menos de 15 metros de eslora non poderán navegar entre o cabo Prioriño Grande e a punta de Estaca de Bares, na costa de Ferrolterra e Ortegal. O Ministerio de Fomento prohibe dende esta noite a circulación destas embarcacións por esa zona debido á presenza de candorcas. Procúrase así protexer a seguridade dos tripulantes e tamén a dos cetáceos, xa que no último mes se rexistraron media ducia de incidentes que remataron con danos nos barcos. A prohibición dura unha semana, pero non se desbota ampliala máis tempo e a máis zonas. A decisión coñécese precisamente tras un novo ataque a un veleiro en Muros esta mesma tarde.
Estraña, por ser moi pouco habitual, o elevado número de incidentes coas candorcas nas costas galegas. Os biólogos atopan unha explicación na abundancia de atún, prato principal na dieta destes cetáceos, no corredor atlántico galego.
Os episodios de interacción das candorcas coas embarcacións, sobre todo veleiros, poñen en risco as tripulacións. Son animais que poden acadar cinco toneladas de peso e nove metros de longo. Aínda que os científicos atribúen os ataques a exemplares novos levados pola curiosidade que lles espertan elementos móbiles como os temóns.
A maioría dos incidentes prodúcese dentro das oito millas náuticas e cunha velocidade dos veleiros de cinco a nove nós. Os expertos aconsellan ás tripulacións navegar máis mar adentro e afastárense das mandas que avisten.
Con todo, os vídeos permiten aos biólogos identificar algúns exemplares e concluír que só un grupo, dos tres grandes detectados na costa galega, protagoniza estes incidentes.