Lila e Pablo rescatan un ancián a piques de morrer en Narón
Un cazador e a súa cadela salvaron un veciño de Narón de morrer. O ancián de 84 anos estaba desaperecido e atopárono tirado a beira dun regato onde pasou a noite. Estaba consciente e falaba, aínda que con incoherencias, e sufría unha forte hipotermia. Afortunadamente, xa se recupera do susto.
Pablo e Lilla volven ao lugar do rescate. Grazas a eles un veciño de Sedes segue vivo. A insistencia desta cadela e doutro can do cazador foron a clave para dar con Manuel que xa pasara a noite fóra e ninguén sabía do seu paradoiro. Estaba lonxe da pista que está a carón da igrexa da parroquia, no fondo dunha leira.
Pablo, o rescatador, conta "andaba pola zona de aquí arriba, desviaronse os can cara o regato. Primeiro baixou un, volveu cabo min e despois baixou o outro. Volveron xunto a min, miráronme, pareceume raro, porque volvían outra vez baixar, fun con eles e xa vin aquí ao lado do río os pés desta persoa, neste caso de Manuel. Faleille para ver si me respondía. Respondeume, e as primeiras palabras que me dixo foron 'sacádeme de aquí'. Tan pronto me respondeu foi como se quitasen un peso de enriba, porque nese intre esperas o peor".
O ancíán estaba consciente, pero atordado. Falaba, pero de xeito incoherente, e tremía polo frío que pasou deitado a beira do regato onde se supón que pasou a noite. Os servizos de emerxencia que chegaron aos 10 minutos levárono para o hospital de Ferrol.
Pablo, rescatador: "Estaba en contacto a cabeza coa auga do río. E ao erguerse coa miña axuda, púxose de pé deu dous pasos e volveu caer. Tremíanlle moito as pernas pola hipotermia que tiña".
Manuel saíra da súa casa para pasear, ou polo menos iso cre a familia. Uns irmáns que viven a escasos metros da súa vivenda foron os primeiros en decatarse da desaparición do home, de 84 anos.
Luciano Díaz, irmán do ancián rescatado: "Pensamos que saíra cortar o pelo ou calquera cousa. Pero a medida que pasaron as horas non... e deuse parte e viñeron os municipais e andiveron por aí por onde tiña el o costume de saír a pé pasear".
O ancián recupérase pouco a pouco. Ata o momento valíase perfectamente por si mesmo.
Luciano Díaz, irmán do ancián rescatado: "Acostumaba ir pasear algo por alí, si. O que pasa é que el debeuse atopar mal, debeuse poñer mal porque se non non tiña a que ir por alá adiante, alí polo prado aquel".
Pablo di que o seu rescate non foi para tanto. Que calquera faría o mesmo. Pero o certo é que grazas ao olfacto dos seus cans puido salvarlle a vida a Manuel, quen dificilmente podería sobrevivir unha noite máis.