CRTVG

Buscar

Life Rural Supplies: como mellorar unha traída de augas veciñal, paso a paso

Publicado o 12/09/2018 13:19

Onte falámoslles neste tempo do Agro do proxecto europeo Life Rural Supplies, que se está a levar a cabo no concello de Abegondo para mellorar as pequenas traídas veciñais e asegurar aos veciños do medio rural acceso á auga potable de calidade. Hoxe imos ver paso a paso como se fixeron estas reformas nun dos tres sistemas piloto do proxecto, o da Malata.

Localizada na ladeira sur do monte de Mesón do Bento, a parroquia de Vizoño está na parte máis alta do concello de Abegondo, á que non chega á rede de abastacemento municipal de auga potable. Os veciños destes lugares servíanse de auga de distintos mananciais que aproveitaban mediante traídas veciñais, pero a auga escaseaba no verán e as analíticas amosaron distintos graos de contaminación, polo que o primeiro paso foi atopar unha nova captación, coa colaboración dos veciños.

O seguinte paso foi facer o pozo cos sistemas axeitados para evitar a contaminación das augas durante a súa captación.

A auga do pozo acumulase nesta ETAP, Estación de Tratamento de Auga Potable da Malata. A súa imaxe exterior foi decorada en homenaxe aos veciños e ao camiño inglés, que pasa por aquí, pero o importante atópase no interior. 

Todo o sistema segue a ser propiedade dos veciños da comunidade de auga, e son eles mesmos os que se encargan do seu mantemento, a través do seguemento duns protocolos.

A nova ETAP da Malata surte a un total de 45 usuarios repartidos en 7 núcleos distintos, que agora poden contar cunha auga nas súas casas con tódalas garantías sanitarias.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2018