CRTVG

Buscar

Liberty House analizará a situación de Alcoa San Cibrao para asinar a compravenda antes do 27 de setembro

Publicado o 20/08/2020 16:39

Avances na venda da planta de aluminio de Alcoa. Esta mañá o presidente da Xunta reuniuse co grupo interesado en mercala, Liberty House, que xa negocia coa multinacional americana os prazos de todo o proceso.

Esta mañá, houbo reunións a varias bandas para abordar o futuro de Alcoa. Por un lado, a empresa informaba, telematicamente, ao Ministerio de Industria, á Xunta, aos sindicatos e ao comité de empresa dos avances na negociación para a venda da planta de San Cibrao. En paralelo, o presidente Feijóo reuníase con directivos do grupo británico Liberty House, os interados en mercar.

"A reunión do presidente da Xunta cos directivos da compañía foi precisamente para que se concrete un plan industrial", di o conselleiro de Industria en funcións". "Pedímoslle o máximo esforzo para que poida concretarse esa oferta", asegurou Francisco Conde.

Alcoa negocia a venda, só da planta de aluminio, exclusivamente con Liberty House, non está aberta a outras posibles ofertas. Hoxe concretaron os prazos deste proceso.

Para José Antonio Zan,  presidente do comité de empresa de Alcoa, "á parte de todo isto, teñen que falar tamén das concesións e dos servizos compartidos, chegar a acordos, incluído o da venda de alúmina e todo o proceso que supón o proceso de venda".

Se o 27 de setembro non hai ningún acordo, empresa e comité terán que volver sentar para negociar un ERE que podería afectar máis de 500 traballadores.

Noticias web

20/08/2020