CRTVG

Buscar

Liberdade para un terceiro detido cando se interceptou o narcosubmarino de Cangas

Publicado o 27/03/2020 19:38
Liberdade para un terceiro detido cando se interceptou o narcosubmarino de Cangas

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Cangas decretou a posta en liberdade provisoria, condicionada ao pago dunha fianza de 50.000 euros, dun terceiro detido en relación co narcosubmarino interceptado con 3.000 quilos de cocaína no mes de novembro na ría de Aldán.

Trátase dun investigado por colaborar persoal e materialmente "para que a singradura concluíse  exitosamente", ao que impuxo como medidas cautelares a obriga de comparecer semanalmente no xulgado, a retirada do pasaporte e a prohibición de saír do territorio nacional.

En cambio, a xuíza decidiu manter en prisión provisional outros dous detidos, un presunto tripulante do semisomerxible e un sospeitoso de ter unha "participación activa na operación de narcotráfico".

Previamente, deixara en liberdade provisoria sen fianza outros dous detidos no marco desta operación en atención á petición dos seus avogados, que alegaron entre outras cuestións o risco para a súa saúde de permanecer en prisión pola pandemia do coronavirus.

Sobre o terceiro excarcerado, a xuíza esgrime que aínda que o tempo que leva en prisión provisional "non é significativo" en relación coa gravidade das penas do delito que se lle imputa, durante ese tempo practicáronse dilixencias que permitiron avanzar na instrución "de forma significativa", o que diminúe o risco de fuga e de obstrución á acción da xustiza.

Respecto ao presunto tripulante do narcosubmarino ao que lle denegou a posta en liberdade, a xuíza relata no seu auto que fuxiu tras ser interceptado na madrugada do 24 de novembro de 2019, xunto con outras dúas persoas, e permaneceu oculto ata a súa detención nunha casa da parroquia do Hío.

A maxistrada subliña que concorre "non só un risco certo de fuga" pola "mera ameaza" da imposición dunha pena de cárcere elevada, senón que concorre "un risco certo" de reiteración delituosa, fundamentado no "carácter organizado da súa actividade criminal".

En canto ao outro sospeitoso que permanecerá en prisión provisional, subliña que, á vista dos indicios existentes, "non cabe falar", tal e como alega a súa defensa, de que a súa participación nos feitos se limite a "un mero encubrimento", menos aínda a "unha desistencia", senón a "unha participación directa" na trama. Tamén neste caso considera que existe risco de fuga, que deriva da importancia das penas coas que podería resultar castigado.

A xuíza recalca en todos os autos que ningunha circunstancia sanitaria "impón unha alteración do réxime dos centros penais". Indica que só en casos "dunha gravidade moi inferior á do presente, en relación co cumprimento de medidas persoais moito máis liviás, puido indicarse a toma doutro tipo de decisións, seguindo as indicacións da OMS".

Destaca, ademais, que as decisións sobre a situación persoal de cada investigado obedecen "ás súas circunstancias particulares". Por iso advirte de que "non ha de estrañar que as decisións que se adopten respecto dos investigados que estean máis preto do núcleo da actividade investigada, como quen guiaba o semisomerxible interceptado ou coordinaba a súa singradura en comunicación directa con estes, non sexan as mesmas que as doutros investigados".