CRTVG

Buscar

Liberdade para a parella da muller que morreu ao caer por unha xanela en Valladolid

Publicado o 14/04/2020 21:21
Liberdade para a parella da muller que morreu ao caer por unha xanela en Valladolid

O Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Valladolid estimou a petición da Fiscalía e deixou en liberdade o marido da muller que morreu este pasado luns en Valladolid ao precipitarse ao baleiro desde unha xanela da súa vivenda no barrio de Pajarillos.

O maxistrado sinala que comparte os argumentos expostos polo Ministerio Público, que non solicitou ningunha medida cautelar, ao considerar que no momento actual da investigación "non existe indicio algún para imputar algunha conduta delituosa ao detido".

Do atestado policial e das declaracións do detido e das testemuñas conclúese, segundo o auto, que o home tentou suxeitar a muller para evitar que se botase pola xanela. Con todo, o home, de 45 anos, foi detido por indicios de violencia de xénero, segundo recollía o parte policial.

Ademais, á primeira hora deste luns, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, referiuse a este suceso nunha entrevista na Cadena Ser como un crime machista. Posteriormente, o subdelegado do Goberno en Valladolid, Emilio Álvarez, informou de que, aínda que no parte policial aparecía que a detención do home se debía a "indicios de violencia de xénero", para el era máis correcto indicar que fora detido por posible homicidio.

A Policía Nacional investigou os feitos, ocorridos sobre as 2.20 horas da madrugada do luns, para determinar as circunstancias da morte da muller e, a pesar de que non descartaba ningunha hipótese, inclinábase máis pola versión do suicidio, segundo avanzaban as pescudas.

Xunto con isto, veciños da parella, que declararon que eran frecuentes as discusións entre eles, mesmo na noite do suceso, tamén aseguraron que, cando saíron ás súas xanelas, atoparon o home tentando suxeitar a súa muller desde unha xanela para evitar que se precipitase ao baleiro, algo que finalmente se produciu.

Aínda que chegaron a colocar no chan colchóns para tentar amortecer a caída desde a vivenda que a parella compartía nun terceiro piso da rúa Alcotán, a muller faleceu.

Fontes policiais informaron de que o resultado da autopsia que se practicou ao cadáver non achegaba ningunha pista concluínte sobre o sucedido.