CRTVG

Buscar

Liberdade con medidas cautelares para o acusado do atropelo en Padrenda

Publicado o 10/06/2019 20:23

Liberdade con medidas cautelares para o home de 57 anos acusado de atropelar un veciño de Padrenda por unha posible desavinza. O xulgado de Bande obrígao a comparecer o día 15 de cada mes para evitar que fuxa, amais de non poder achegarse a menos de 150 metros da vítima. 

É o momento en que o home detido de 57 anos entraba no xulgado de Bande para declarar perante o xuíz. Está acusado inicialmente dun presunto delito de homicio en grao de tentativa por supostamente atropelar un veciño seu na aldea de Formarigo, onde viven, no concello ourensán de Padrenda.

Os feitos ocorreron o domingo pola tarde. Un veciño alertou o 112 e cando chegou a Garda Civil de Tráfico puido constatar que non se trataba dun accidente de tráfico porque as testemuñas aseguraron que fora intencionado.

Segundo os veciños, os dous homes que viven na mesma aldea tiveran unha forte rifa neste bar, o día das eleccións municipiais, e din que alí escoitaron como o home agora detido ameazou o seu veciño con ir a por el co coche. A vítima de 46 anos sufriu feridas nas mans, no costado e na cabeza e tivo que ser ingresado no Complexo Hospitalario de Ourense onde se recupera.

O investigado quedou en liberdade coa obriga de comparecer o día 15 de cada mes no xulgado e cunha orde de afastamento da vítima. A Fiscalía deberá decidir se o acusa dun delito homicio en grao de tentativa ou un de lesións.

Noticias web

10/06/2019