Liberdade con cargos para un policía xubilado acusado de abusar durante oito anos dunha menor en Vilagarcía

A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía decretou a liberdade con cargos para un axente da Policía Nacional en situación de xubilación acusado de supostos abusos sexuais a unha menor.
Segundo a denunciante, residente en Vilagarcía e de 17 anos de idade, o acusado, supostamente, comezou a realizarlle tocamentos cando tiña só oito, situación que se prolongou ata que fixo os 16. O policía xubilado detido é a actual parella da avoa da menor, o cal propiciaba que coincidisen con frecuencia no mesmo domicilio.
Segundo manifestaron fontes da investigación, foi a propia menor a que lle confesou a súa avoa os abusos sexuais aos que, supostamente, fora sometida durante oito anos. Por mor dese descubrimento, a vítima e súa nai acudiron ás dependencias da comisaría vilagarciá para denunciar os feitos. Unha vez efectuada a denuncia, os propios ex-compañeros do policía xubilado procederon á súa detención e ao seu ingreso nos calabozos da comisaría, onde pasou a noite. Pola mañá foi trasladado aos xulgados, onde a xuíza, despois de escoitar a súa declaración, decretou a súa liberdade con cargos.