CRTVG

Buscar

Liberada unha muller retida e agredida sexualmente no Toboso

Publicado o 26/04/2021 11:47
Liberada unha muller retida e agredida sexualmente no Toboso

A Garda Civil liberou unha muller de 29 anos retida en contra da súa vontade nunha vivenda da localidade do Toboso, en Toledo. Segundo informa nun comunicado, un home co que contactara a través das redes sociais agrediuna sexualmente durante varios días.

De acordo cos datos facilitados, o pasado 1 de abril a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil recibiu unha chamada do Departamento de Cooperación Internacional da Unidade Técnica de Policía Xudicial. A embaixada de Romanía informara da situación de indefensión e vulnerabilidade que podería estar a sufrir unha compatriota na localidade do Toboso.

Ao parecer, a muller puxérase en contacto cuns amigos, que alertaron as autoridades romanesas. Tras localizar a vítima, a Benemérita deulle auxilio e protección con persoal experto, debido á grave situación á que fora sometida polo seu agresor.