CRTVG

Buscar

Dúas novas mortes elevan a 591 os falecidos con coronavirus en Galicia

Publicado o 08/05/2020 21:29

• As áreas sanitarias rexistran 2.727 casos activos, a maioría a seguimento na casa

• A cifra de persoas recuperadas alcanza as 7.138

Un total de 2.727 persoas contabilízanse a día de hoxe na cifra de contaxios activos de coronavirus en Galicia. Son 20 menos ca onte.

O número de mortos é de 591 persoas, logo de que o Servizo Galego de Saúde informara nas últimas horas do falecemento de dúas persoas que foran diagnosticadas por coronavirus.

Trátase dun home de 100 anos que estaba ingresado no CHUS e dunha muller de 88 anos que estaba ingresada no Hospital do Barco de Valdeorras. Ambos con patoloxías previas.

A eses dous decesos hai que sumar un máis rexistrado pola mañá, unha anciá de 89 anos que estaba ingresada no CHUAC.

Por áreas sanitarias:

• Vigo: 743 casos (-18).

• A Coruña: 655 casos (+12).

• Ourense: 432 casos (-18).

• Santiago: 470 casos (+22).

• Lugo: 167 casos (-3).

• Pontevedra: 142 casos (-9).

• Ferrol: 118 casos (-6).

Do total de pacientes positivos, 26 permanecen en UCI, (-2), e 196 están en unidades de hospitalización (-9). Un total de 2.505 enfermos están no seu domicilio (-9).

Polo de agora, en Galicia hai un total de 7.138 persoas curadas, 179 máis ca onte. Delas, 54 son usuarios das residencias recuperados, e tamén 13 traballadores. Nos centros residencias hai na actualidade 612 persoas contaxiadas.

O número de PCR realizadas é de 111.600.