Levan xa dez días sen auga potable en Pontedeume
Malia as barreiras anticontaminación que instalou Augas de Galicia, o río Eume hoxe conserva o aspecto esbrancuxado de hai dez días. Con todo, nas billas de Pontedeume a auga sae case limpa pero, polo momento, non é apta para o consumo.
"Non a podemos beber nin usar para cociñar", di unha veciña. "Estamos fartos de mercar garrafas de auga", di outra.
Pero á maioría dos eumeses non lles queda outra que mercala embotellada. "O primeiro día esgotouse toda en cuestión de horas", explica unha traballadora dun supermercado.
Ou ir ás fontes por ela. "Eu veño á fonte porque non quero a auga en botellas de plástico. Veño varias veces ao día, imaxina...", di unha eumesa.
Pero si poden usala para fregar, lavar e mesmo para ducharse. "Para ducharnos si, pero non sabemos se despois nos vai afectar a pel".
Amais esixen que se retiren os lodos para evitar máis danos á fauna e á flora.