CRTVG

Buscar

Levan 4.000 euros doutra adega da comarca de Monterrei

Publicado o 13/06/2018 14:10

Asaltan outra adega na comarca de Monterrei, onde tamén entraron na de Roberto Verino. Neste caso entraron rompendo unha fiestra, e levaron preto de 4.000 euros. Eran os cartos das nóminas de tres traballadores, que aínda non cobraran porque están de vacacións.

Na adega Tapias Mariñán de Verín os ladróns deixaron un rastro fácil de seguir. As súas pegadas están no teito da furgoneta pola que gabearon para acceder ao tellado lateral da adega. Intentaron romper a ventá coas tellas, pero non o conseguiron e usaron un ferro que atoparon no chan. Os donos descubriron o roubo o luns á mañá, cando foron traballar.

Foron directos ás oficinas e levaron os cartos correspondentes a tres nóminas, de traballadores que aínda non as cobraran por estar de vacacións, e o pouco que había de caixa. En total, 3.870 euros.

Calculan que o roubo foi a mesma noite en que asaltaron a adega de Roberto Verino, situada a menos de dous quilómetros. Alí, os ladróns entraron na vivenda do modisto, baleira durante esa fin de semana, e conseguiron un botín de 35.000 euros en xoias. Ademais, causaron danos importantes, valorados noutros seis mil euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2018