CRTVG

Buscar

Lete define a actuación do CSD: "Incompetencia sen precedentes no noso deporte"

Publicado o 09/09/2020 21:33

Os clubs galegos non profesionais que participan en competicións estatais seguen agardando por un protocolo do Consello Superior de Deportes. Pero as conversas coas Autonomías e as distintas federacións deportivas non prosperan. O Goberno galego acusa o CSD de establecer esixencias inasumibles: "Non podemos tolerar que se lle queira aplicar ao deporte non profesional as regras do deporte profesional. Isto é un absoluto descoñecemento da realidade deportiva ou é un deixamento de funcións flagrante ou ambas as cousas. Incompetencia sen precendentes no noso deporte", define o secretario xeral para o deporte, Xosé Ramón Lete Lasa.

A obriga de facer tests PCR sería económicamente inviable para os máis de 200 clubs galegos que compiten en España. E aí a Secretaría ten outra proposta: "Entre PCR e nada hai situacións intermedias; estamos a favor de que se fagan probas serolóxicas".

Outra discusión é a das capacidades nas canchas e estadios. Neste caso, Galicia pide decidir sobre excepcións. "Non podemos dicirlle ao Pontevedra, ao Depor, ao Rácing de Ferrol ou mesmo ao Compostela, que é unha competición de 2ª B, que só poden meter 1.000 persoas en instalacións onde collen 30.000, como é o caso de Riazor. Ou mesmo ao Breogán, ao Leyma Coruña ou ao COB Ourense que poden meter só 300 persoas. Estaríamos abocando ao fracaso e á ruína os equipos galegos", avisa Lete Lasa.

O Deporte de ámbito autonómico, que é competencia da Xunta, tamén está aínda sen regular. "Non permitimos o deporte con contacto, de momento nas competicións de ámbito autonómico", explica o secretario xeral para o deporte.

O balonmán Cangas puido iniciar a Liga Asobal con público no Gatañal seguindo o protocolo galego, pero co límite xeral de 300 espectadores.

Noticias web

09/09/2020