España non vai entregar a Leopoldo López
• Nicolás Maduro ditou unha orde de detención contra el, acollido coa súa familia como hóspedes na embaixada española
• Apoio en Celanova á operación Liberdade iniciada por Guaidó
No medio dunha enorme expectación mediática ante a embaixada española en Caracas, comparecía Leopoldo López, escoltado pola Policía Nacional, tras coñecerse que un tribunal de Caracas ditou orde de detención contra el, orde que xa foi trasladada ao servizo bolivariano de intelixencia.
"Non teño medo a ir a prisión".
Acollido coa súa familia na residencia do embaixador español, en calidade de hóspedes, o Goberno español insiste en que non solicitou asilo político. O Ministerio de Exteriores emitiu un comunicado en que manifesta a súa confianza en que as autoridades venezolanas respecten a inviolabilidade da embaixada e a intención do Goberno español de non entregar a Leopoldo López á xustiza. España mantén as vías de comunicación abertas con todas a partes, di o escrito de Exteriores, para alcanzar unha solución democrática e pacífica á crise. O embaixador español reuníase nas últimas horas co titular venezolano de Exteriores.
Leopoldo López insistía onte en que o proceso iniciado por Guaidó segue en marcha e asegurou que vai haber máis movementos do sector militar.
"Non imos parar".
A orde de detención de López foi a resposta do réxime de Maduro á operación liderada por Guaidó para liberar o líder opositor e lograr a caída do Goberno tras unha fractura militar que non logrou. Para escenificar a adhesión do exército, onte o presidente apareceu nunha marcha por Caracas con milleiros de militares. Durante un discurso posterior transmitido de xeito obrigatorio por todas as emisoras de radio e televisión, advertiu que unha invasión estranxeira provocaría unha longa guerra civil. E instou aos uniformados a desarmar os que cualifica de traidores e golpistas.
Nicolás Maduro, presidente de Venezuela: "Hai que saírlle ao paso á traizón, ao golpismo. Está dada a orde. Aos traidores, detelos. Aos golpistas, rexeitalos e detelos tamén".
Ao lado del, o ministro de Defensa, Vladimir Padrino, a quen se acusaba de pactar coa oposición e cos Estados Unidos a entrega de Maduro. O Wall Street Journal asegura que se arrepentiu no último momento.