CRTVG

Buscar

Leonor comprométese a servir a España con entrega e esforzo

Publicado o 18/10/2019 21:57

A princesa Leonor afirmou, no primeiro discurso que pronuncia, que a súa condición de herdeira da Coroa comprométea "coa entrega e o esforzo de servir a España e os españois", un reto que asume con "responsabilidade" e "moi honrada". Leonor de Borbón interveu por primeira vez na cerimonia de entrega dos Premios Princesa de Asturias no teatro Campoamor de Oviedo xunto aos reis e a súa irmá, a infanta Sofía, un momento do que dixo que será "inesquecible". "Hoxe é un día moi importante na miña vida que esperei con moita ilusión", afirmou a princesa, que pronunciou a súa primeira alocución con trece anos, a mesma idade coa que se estreou o seu pai, Felipe VI, en 1981 no mesmo lugar.

Así debutaba esta tarde a princesa de Asturias co seu primeiro discurso. Un fito na súa traxectoria como futura raíña. Dona Leonor foi recibida por unha multitude no exterior do teatro Campoamor canda o resto da familia real e a raíña Sofía. Ademais do aplauso do público, a princesa recibiu mostras de apoio e agarimo e buscou a complicidade dos reis en todo momento. Tamén cando o presidente da Fundación Princesa de Asturias se referiu a ela como símbolo da vixencia e da modernidade da coroa española.

Filipe VI pídelle responsabilidade

Xusto despois, era o rei quen se dirixía á princesa Leonor. Filipe VI lembroulle que a Coroa debe ser sempre unha referencia de servizo a España e pediulle que desempeñe o cargo con coraxe, humildade e exemplaridade:"O teu deber será actuar sempre co ánimo esperanzado, con coraxe e valentía, crecendo en responsabilidade, bondade e exemplaridade".

A princesa de Asturias, feliz e honrada 

Baixo a ollada atenta e cómplice dos reis, dona Leonor afrontou o seu primeiro discurso tranquila e con rostro sorrinte, levantando continuamente a vista cara ao público. A princesa asegurou sentirse moi feliz de participar nesta cerimonia, fixo referecia ao seu sangue asturiano e dixo sentirse honrada do título que representa.

A princesa de Asturias agradeceu o labor de todos os premiados nos galardóns que levan o seu nome. E envioulle un saúdo especialmente agarimoso á súa avoa, a raíña dona Sofía. O público agradeceu o seu discurso cunha grande ovación.

Premiados

A estrea da princesa de Asturias nos premios que levan o seu nome marcou a cerimonia. O presidente da fundación quixo agradecerlle a súa presenza lembrando o discurso pronunciado polo Rei neste mesmo teatro hai oito anos. E unha das premiadas, a escritora estadounidense Siri Hustvendt, premio das Letras tamén se referiu a Leonor destacando o feito de que sexa unha rapaza, unha princesa dixo quen lle entrega o premio.


Siri Husvendt, premio Princesa de Asturias das Letras: "Gustaríame que fora para todas a nenas que len moitos libros sobre unha morea de temas, que pensan, preguntan, dubidan, imaxinan, e que se negan a estar caladas, moitas grazas".

A bióloga arxentina Sandra Myrna Díaz, premio de investigación científica e técnica, dedicoulle o seu galardón aos máis fráxiles. E Javier Solana, presidente do Real Padroado do Museo do Prado, envioulle unha mensaxe á princesa Leonor e á súa irmá a infanta Sofía.

Javier Solana: "O noso gran país, España, vólvese sempre máis universal, máis libre e máis tolerante cando se contempla a si mesmo nas obras mestras do Museo do Prado".

Antes de pronunciar o seu primeiro discurso, Leonor de Borbón entregou os Premios Princesa de Asturias a todos os galardoados, desde o veterano dramaturgo Peter Brook ata o sociólogo Alejandro Portes, pasando polas investigadoras Sandra Myrna e Joanne Chory.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2019