Lenín Moreno pide a mediación da Igrexa e da ONU para afrontar as protestas indíxenas
O paro xeral convocado en Ecuador contra as medidas económicas do goberno de Lenín Moreno deixou onte novos disturbios. As rúas de Quito e tamén de Guayaquil están completamente militarizadas, mentres o Executivo busca a mediación da Igrexa e da ONU para negociar cos indíxenas medidas que aplaquen o seu malestar pola multiplicación dos prezos dos combustibles.
Agricultores indíxenas, estudantes e traballadores levantados contra o Goberno de Lenín Moreno, contra o decreto 883, que contempla subas do 123% nos combustibles. A manifestación acabou ramificándose tras os disturbios iniciais, que converteron a zona vella de Quito nun campo de batalla.
O Goberno solicitou a mediación da Igrexa e de Nacións Unidas para propoñerlles aos indíxenas medidas de mellora agraria que palíen o golpe da suba do gasóleo.
Otto Sonnenholzner, o vicepresidente do Ecuador, dixo que o diálogo está indo ben; un diálogo que negan desde a Confederación Nacional de Indíxenas do Ecuador. Pero que, tras a formulación do Goberno, pacificou a marcha de Quito.
As manifestacións e a tensión chegaron tamén ata as rúas de Guayaquil, onde está retirado o Goberno, e onde quedou patente o rexeitamento ao paquete de medidas que o FMI pide a cambio dunha liña de crédito.
A parálise afecta as escolas, boa parte da admninistración e tamén a empresas e pozos petrolíferos, mentres Lenín Moreno e o seu ministro de Defensa anuncian que volverán á capital nas próximas horas.