CRTVG

Buscar

Expulsan un home dunha vivenda da Coruña ao que acusan de ocupante ilegal, pero que di que ten dereitos sobre a propiedade

Publicado o 25/11/2020 14:12

Un problema por unha herdanza case remata nunha liorta esta mañá na Coruña. Os que din que son os lexítimos donos contrataron unha empresa para botar un home que asegura que ten documentos que acreditan a propiedade dun edificio de tres vivendas. Hoxe foron cambiar as fechaduras e comezou a lea.

Ricardo chegou á que di ser a súa vivenda querendo entrar. Asegura que ten papeis que lle dan a propiedade.

"Morreron os dous, pai e nai. Eu coideinos sempre. E a nai díxolle ao fillo: 'Déixalle sempre a casa a Ricardo, que nos coidou sempre'. E fíxome un papel que teño, e é o que lle estou a dicir a policía. Eu alucino con isto. Eu comecei de alugueiro, despois puxéronme como caseiro e cando morreu fíxome un papel en que me deixaba a casa".

A empresa que contrataron os que din que son os seus herdeiros lexítimos cambiou as fechaduras e instalou un sistema de alarma. Din que Ricardo non figura no testamento e afirman que ocupa ilegalmente o inmoble.

Ata aquí chegaron patrullas da Policía Nacional e Local. Fixeron unha inspección do lugar, mais ao non poder ditaminar a titularidade ante a falta de documentación, remitiron o caso ao xulgado de garda.

Noticias web

25/11/2020