Álbum de Galicia, unha colección dixital con 154 figuras da cultura
Co obxectivo de coñecer as vidas dos personaxes que contribuíron de maneira especial na cultura galega nace o Álbum de Galicia, unha colección dixital de 504 biografías de personaxes falecidos como Rosalía de Castro, Castelao ou Manoel Antonio, impulsada polo Consello da Cultura Galega.
Trátase, segundo a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, de "poñerlle rostro ao país" e "contar a historia de Galicia con nomes e apelidos, lugares e datas", todos eles relacionados coa cultura de Galicia.
"Somos conscientes de que aínda non están todos os que merecen estar. Faltan persoeiros de vulto, sen as que é imposible contar a historia de Galicia", declarou Álvarez, que asegura que aínda que de momento o proxecto conta con 504 biografías, 1846 fotografías e 1392 documentos, está "en permanente expansión", xa que os homes e mulleres que contribuíron en Galicia "non se contan por centos senón por miles".
Durante a presentación do proxecto, realizada este xoves na biblioteca da CCG, Álvarez asegurou que para este ano está previsto que se inclúan no álbum "todos os protagonistas desa aventura extraordinaria que foi a revista Nós", xa que fai 100 anos da súa fundación.