CRTVG

Buscar

Laza terá desde o luns máximas restricións, das que sae Carballeda de Valdeorras

Publicado o 30/04/2021 12:44

• Vilanova de Arousa e Cualedro manteñen o peche perimetral

A Xunta de Galicia, logo da reunión deste venres do subcomité clínico que asesora a Sanidade, acordou incorporar a partir do próximo luns o concello de Laza ao nivel máis alto de restricións, no que tamén se manteñen, polo momento, os de Vilanova de Arousa e Cualedro.

Nestes concellos as limitacións establecen o peche perimetral e da hostalería, amais da prohibición de reunións de non conviventes.

Son once os veciños diagnosticados con coronavirus, pero nunha poboación de pouco máis de mil habitantes fan subir moito a incidencia acumulada, e por iso se tomou a decisión de pechar o municipio a partir do luns. 

O Sergas fará aquí un cribado o próximo luns, ao que están chamados 700 veciños, para buscar posibles asintomáticos e facer un diagnóstico real da situación.

Pola súa parte, Carballeda de Valdeorras deixa atrás esas máximas retricións e descende dous chanzos ata o nivel medio.

Así, estarán en nivel alto de restricións os concellos de Petín, A Merca, A Pastoriza, Mesía, Ribeira, Padrón, Marín, O Grove, Meaño, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponteareas e Coristanco. A principal novidade neste grupo é a incorporación da Pastoriza, Mesía, Padrón, Cambados e Gondomar. 

Nestas vilas a hostalería só poderá atender nas terrazas, cun límite de ocupación do 50 por cento.

En Marín, malia que hai 93 casos activos, conseguiron conter a trasmisión do virus. Marín segue sendo a vila con peor incidencia de toda Galicia, pero os datos estabilizáronse na última semana, polo que non ascendeu a nivel máximo de restricións, co que moitos veciños contaban.

Saen dese nivel alto a Pobra do Carmiñal, Muíños, Verea, Ribadumia, Meis e Cambre.

As medidas do nivel medio rexerán nos concellos de Muíños, Verea, O Barco de Valdeorras, Cartelle, Lobios, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Meira, Chantada, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Melide, Carnota, Ordes, Lalín, Silleda, Ribadumia, Poio, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Vigo, A Laracha, Betanzos, Cambre, Carballo e Ares.

No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro luns, 3 de maio.

Esta medianoite foron os concellos do Grove e da Pobra do Caramiñal os que saíron do nivel máximo de restricións, logo do acordado o martes pasado, e, así, este e o mapa de restricións que rexe ata o próximo luns.