CRTVG

Buscar

Laza, unha vila fantasma no nivel máximo de limitacións en que hoxe a veciñanza pasa por un cribado

Publicado o 03/05/2021 14:01

Rúas baleiras en Laza, con veciños confinados e outros que por precaución non saen, incorpórase ao máximo nivel de restricións. Dende hoxe a hostalería só poderá servir para levar ou a domicilio, establécese un peche perimetral e ademais as reunións quedan limitadas a persoas conviventes.

Os veciños din que non hai ninguén polas rúas, que parece unha vila fantasma. O Sergas vai facer un cribado masivo hoxe a partir das tres e media da tarde, no pavillón municipal de Laza, onde Protección Civil estará a controlar o transcurso da xornada. Ao cribado, que detectará a incidencia real do virus en Laza, están citadas 400 persoas de entre 17 e 74 anos para facer unha proba PCR. 

Laza súmase a Vilanova de Arousa e Cualedro, que xa teñen en vigor restricións máximas. Delas saíu Carballeda de Valdeorras, que desde hoxe está xa no nivel medio de restricións, polo que a hostalería pode abrir cunha ocupación no interior do 30 por cento e na terraza do 50 por cento.