Consulta o novo mapa de restricións en vigor dende hoxe
• Laza, Cambados e Padrón, únicos concellos con nivel máximo de restricións

Os municipios de Laza, Padrón e Cambados serán dende hoxe os tres únicos de Galicia que permanezan co nivel máximo de restricións, en atención á súa situación epidemiolóxica, tal e como decidiu o pasado martes o comité clínico que asesora á Xunta e tal e como se ratifica no Diario Oficial de Galicia (DOG) publicado o mércores.
Así, a autoridade sanitaria determinou que estes tres concellos, debido á incidencia acumulada en número de contaxios, terán as máximas limitacións; iso significa que estarán pechados perimetralmente, a hostalaría permanecerá pechada (salvo entrega a domicilio ou recollida para levar) e as reunións cínguense a conviventes.
Nivel alto
Por outra banda, os concellos de Vilanova de Arousa e Cualedro verán aliviadas as súas medidas restritivas ao mellorar a súa situación. Así, Vilanova de Arousa pasará a estar en nivel alto, xunto con outros cinco municipios: A Laracha (que mantén a súa situación), Ribeira (mantén o seu nivel), Oleiros, Lobios e Cangas (estes aumentan o nivel de restricións).
Nestes casos, aínda que non hai peche perimetral, a hostalaría só pode dar servizo en terrazas exteriores, cuxa capacidade máxima será do 50 %.
Nivel medio
Doutra banda, xa son efectivas dende hoxe as medidas de nivel medio (hostalaría ao 30 % en interior e ao 50 % en terrazas e limitación de reunións a catro persoas en interior e a seis en exterior) en Ames, Betanzos, Melide, Noia, Ordes, Lalín, Silleda, Toén, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior, Tomiño, Gondomar, Salceda de Caselas, Fornelos de Montes, Chantada e Carballeda de Valdeorras, que manteñen a súa situación epidemiolóxica.
En nivel medio tamén estarán Fisterra, Barbadás, Bueu, Moraña, Santiso, Carral, Moaña, Valga, Cuntis e Pontecaldelas, que verán aumentadas as súas restricións, e mais Cualedro, A Pastoriza e Marín, que suavizarán as restricións que tiñan ata agora.
O resto de concellos galegos estará en nivel medio-baixo de restricións (hostalaría ao 50 % no interior e ao 75 % en terrazas), incluída a cidade de Vigo, tal e como comunicou Sanidade tras analizar o resultado dos últimos cribados