CRTVG

Buscar

Laxe: "As axudas directas son básicas, están a funcionar e transformarán a economía"

Publicado o 25/03/2021 12:29

O Foro Económico de Galicia presentou o seu primeiro informe de Conxuntura Socioeconómica deste ano. O estudo salienta que a economía galega resistiu mellor a crise do 2020 ca a media española pola súa estrutura produtiva, cun maior peso do sector agroalimentario e unha menor dependencia do turismo e da hostalería.

O economista e expresidente da Xunta, Fernando González Laxe, un dos autores deste informe, explica no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, que as economías como a galega teñen máis capacidade de resistencia aos efectos negativos.

"Por unha banda, ten uns sectores tradicionais que permiten absorber moitas persoas e, polo tanto, xerar rendas. Por outra, conta con 103 concellos onde a fonte principal de ingresos son as prestacións sociais", subliña.

En contrapartida, engade, nos trimestres nos que se rexistra unha certa recuperación, Galicia responde de xeito máis lento.

"Nós en épocas de recesión resistimos pero en épocas de expansión cústanos moito máis coller impulso", asegura.

Segundo González Laxe, as grandes empresas e os sectores exportadores seguen avanzando. De feito, Galicia representa o 8 % de todo o comercio exterior español, sobre todo no eido dos compoñentes de transporte, no sector do automóbil, o téxtil a madeira ou as conservas de peixe.

Hándicaps que se deben superar

Porén, considera que aínda temos certos hándicaps que é preciso superar. "Hai que aumentar o tamaño das empresas para acadar economías de escala" e avanzar na dixitalización para que as vendas "non sexan de baixo contido tecnolóxico, senón de medio ou de alto".

Neste sentido, pensa que "agora temos grandes oportunidades derivadas da pandemia para adaptarnos, e iso é o que temos que aproveitar, ben con fondos propios, ben con fondos comunitarios".

Axudas "básicas e necesarias"

Sobre as axudas directas que se acaban de poñer en marcha, amósase esperanzado. Para o economista, "son básicas e necesarias e, nesta ocasión, a diferenza do que pasou no 2008, están a funcionar por unha aposta decidida da UE e dos Estados Unidos, e por unha certa coordinación da Reserva Federal Americana e do Banco Central Europeo".

Ademais, considera que van ser transformadores porque mudou o xeito de conceder este tipo de subvencións. "Antes, as axudas ían destinadas a empresas ou sectores. Agora, van dedicadas a proxectos de descarbonización, de dixitalización ou de transformación da economía", salienta. Valora que agora non sexan dirixistas ou persoais e vaian dirixidas a grupos de empresas onde o que prima é o proxecto e a cooperación.

Consecuencias da pandemia

Amósase convencido de que, cando se estableza unha certa normalidade, todo o aforro atesourado durante a pandemia se vai consumir. Tamén está esperanzado co futuro das 33.000 persoas acollidas a un ERTE. "Un goberno non pode deixar caer a súa xente", afirma .

Respecto ás medidas restritivas intermitentes, González Laxe insiste en que non é a mellor dinámica porque as empresas necesitan "unha certa previsión" para desenvolver a súa actividade e aposta por dinámicas "máis constantes e predicibles". Porén, tamén é consciente de que a xestión da pandemia non é doada. "O máis importante é resolver primeiro o problema da saúde a través das vacinas", conclúe.