CRTVG

Buscar

Lastra, convencida de que haberá un acordo con Unidas Podemos tras o paso atrás de Iglesias

Publicado o 20/07/2019 20:49

A voceira do PSOE, Adriana Lastra, mostrouse este sábado convencida de que haberá un acordo con Unidas Podemos para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno a próxima semana, unha vez que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, renunciou a entrar no Executivo. En declaracións aos xornalistas en Oviedo antes de asistir á investidura do socialista Adrián Barbón como presidente do Principado de Asturias, Lastra destacou que, tras o paso dado por Iglesias, "ábrese unha oportunidade" para chegar a un acordo. Precisou, con todo, que aínda quedan 48 horas por diante para o debate de investidura e que aínda ambas as partes teñen que falar de "moitas cousas" sobre o goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos.

A dous días do inicio da sesión de investidura de Pedro Sánchez, os socialistas están convencidos de que van chegar a un acordo con Unidas Podemos, tras o paso atrás de Pablo Iglesias na súa intención de estar no Consello de Ministros. Os de Izquierda Unida, socios de Iglesias, valoran que os socialistas se abran a negociar un goberno de coalición pero insisten en que se precisa altura de miras porque o acordo aínda non está garantido.

O coordinador xeral de Izquierda Unida, socio de Podemos, avaliou que os socialistas se abran a negociar un goberno de coalición. Alberto Garzón subliñou, porén, que queda moito por falar e que o acordo non está garantido, polo que insistiu en que é preciso que haxa altura de miras.

A principal dificultade das negociacións pode ser o reparto de ministerios. Pablo Iglesias esixía onte que a súa formación teñan unha presenza proporcional aos votos que recibiu e que, afastado el, non houbese máis vetos persoais. Mentres, os socialistas advirtían contra as imposicións e indicaban que é cousa de Sánchez elixir o seu equipo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/07/2019