CRTVG

Buscar

As empresas que non paran darán aos seus traballadores un certificado para xustificar os desprazamentos

Publicado o 30/03/2020 22:47


As empresas que prestan servizos esenciais e non se ven afectadas pola paralización da actividade económica decretada polo Goberno facilitarán aos seus empregados un certificado, unha "declaración responsable", para permitirlles os desprazamentos aos postos de traballo, segundo informou o ministro de Transportes José Luis Ábalos. En concreto, en virtude dunha Orde Ministerial que aprobará Sanidade, recoñecerase o dereito do traballador de servizos esenciais a contar con esta "declaración responsable" que lle facilite a súa empresa ou empregador.

Esta declaración certificará que o traballador non está incluído no suposto do permiso retribuído recuperable aprobado polo Goberno e "permitirá xustificar e facilitar a súa mobilidade e desprazamento" ao seu posto de traballo, segundo detallou Ábalos. Ademais, este documento "facilitará" o labor que o Exército e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado realizan para controlar os movementos da poboación. No caso dos traballadores autónomos, segundo Ábalos, bastará con que xustifiquen cun documento que se dedican a algunha das actividades consideradas esenciais.

Noticias web

30/03/2020