CRTVG

Buscar

Lara Méndez remodela o Goberno de Lugo logo da marcha do edil de Urbanismo, área que levará Álvaro Santos

Publicado o 09/04/2021 19:30
Lara Méndez remodela o Goberno de Lugo logo da marcha do edil de Urbanismo, área que levará Álvaro Santos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou unha remodelación do seu Goberno local despois da dimisión o pasado mes do concelleiro de Urbanismo, Miguel Couto. Agora, esta área --chamada Sostenibilidade Urbana-- será para Álvaro Santos, que ata agora se encargaba de Medio Ambiente.

Pola súa banda, incorpora a Silvia Alonso como concelleira de Muller e Igualdade. Esta muller, que ocupaba o seguinte posto na lista electoral, é docente desde 1999 na Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago (USC), de maneira que será edil con dedicación exclusiva tras solicitar servizos especiais. En conferencia de prensa, a alcaldesa agradeceu a Alonso que dera un paso á fronte "sen dubidalo", así como o seu "compromiso no proxecto da cidade".

A nova concelleira tomará posesión no pleno extraordinario que se celebrará este xoves, 15 de abril. Así mesmo, Miguel Fernández asume Cohesión Territorial, que integrará Medio Rural e Medio Ambiente, "claves para unha cidade que aposta por desenvolver políticas contra o cambio climático". Mentres, Paula Alvarellos seguirá á fronte de Gobernanza

Paralelamente, refórzase a área de Cohesión e Dinamización Social, que abarca catro concellarías de Emprego, Xuventude, Benestar e Igualdade. Así, Mauricio Repetto levará Xuventude e Deporte, "con encomenda de actuar ante a situación de desemprego e de falta de oportunidades que está a padecer a mocidade de Lugo", asegura Méndez. Ana González ocupará a Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego, á vez que Olga López se mantén á fronte de Benestar, Inclusión e Maiores.