CRTVG

Buscar

Lanzan un concurso de arquitectos para redeseñar a agulla de Notre Dame

Publicado o 17/04/2019 19:58

Notre Dame segue sendo un reclamo turístico aínda nas súas horas máis baixas. Milleiros de persoas fotografan a catedral devorada polas chamas, mentres os bombeiros seguen refrescando a pedra e fan balance dos danos. O principal problema da estrutura está na fachada lateral, que, segundo os técnicos, corre risco de derrubarse e precisa dunha intervención urxente.

O Goberno francés quere que os traballos de reconstrución empecen canto antes, e xa lanzou un concurso internacional de arquitectos para levantar de novo a agulla da catedral.

A polémica está servida, porque o primeiro ministro abre a porta a facer unha reprodución exacta da torre ou un deseño novo, con materiais máis adaptados aos tempos e quizais ignífugos para evitar máis incendios. Unha idea que manteñen para o resto do templo.

O Executivo galo tamén anunciou que a próxima semana presentará un proxecto de lei para darlles marco legal ás doazóns para reconstruír a catedral, que alcanzan xa os 800 millóns de euros. A idea é que as contribucións máis grandes non teñan beneficios fiscais, pero incentivaranse cunha desgravación do 75% os donativos dos particulares de ata mil euros.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/04/2019