CRTVG

Buscar

Lanzan globos de pintura contra a Consellería do Interior en Barcelona e piden a dimisión de Buch

Publicado o 21/10/2019 21:04

Detido por intento de homicidio o radical que lanzou foguetes pirotécnicos ao helicóptero dos Mossos d'Esquadra. E o xuíz enviou a prisión dous ultradereitistas que participaron na malleira a un mozo independentista. As protestas contra a sentenza do procés e contra as cargas policiais continúan, pero xa non están derivando en algaradas.

Uns milleiros de persoas acudiron á concentración dos CDR ante a Consellería do Interior da Generalitat. Os manifestantes acudiron con globos cheos de pintura. A intención era tinguir de cores o edificio. Pero non puideron achegarse o suficiente para causar moito dano, aínda que dentro se tomaron medidas como cubrir os coches con plásticos.

O Concello de Barcelona cifra os danos en 2,7 millóns

As protestas contra a sentenza do procés están baixando de intensidade e son maioritariamente pacíficas. Nada comparable co dos días anteriores que lle causaron ao Concello danos cifrados en dous millóns setecentos. A cifra inclúe mobiliario urbano, semáforos, asfalto e xardíns. Tamén os 1.044 colectores de lixo queimados. Por razóns de seguridade non os van repoñer ata que se calme a situación. Os comerciantes do centro de Barcelona viron reducidas as súas vendas entre un 30 e un 40%

E preocúpalles, sobre todo, que a deterioración da imaxe da cidade os siga prexudicando a longo prazo. A parte da caída de vendas algúns, sobre todo de telefonía mobil, sufriron saqueos. Tres arrestados nas últimas horas polos Mossos d'Esquadra estaban roubando en comercios. E despois de varios días de investigacion tamén prenderon un dos mozos que lanzou pirotecnia contra un helicoptero policial comprometendo gravemente a súa seguridade.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019