Lalín duplica o número de casos en só unha semana
Lalín, un concello que sobe dos 20.000 habitantes, levaba xa tempo cunha media de 13-14 casos, pero a situación complicouse nos últimos días. De 16 casos activos o xoves pasaron á trintena en só unha semana. Polo momento non se adoptaron restricións especiais, a incidencia acumulada sobe pouco dos 125 casos por cada cen mil habitantes, pero desde o Concello xa advirten dun empeoramento da situación.
Cunha trintena de casos activos, a incidencia acumulada en Lalín mantense por debaixo dos niveis de alerta, pero preocupa a escalada da última semana, con varios casos vinculados a unha mesma empresa. "Hai moita xente asintomática e vai ao traballo ou relaciónase socialmente, sen saber que está contaxiada, e contaxia", comenta un vendedor da Once.
A comisión municipal da covid, que se reúne semanalmente, teme unha relaxación das medidas individuais de seguridade, especialmente nos entornos familiares, co avance da vacinación.
"Iso é o peor que pode pensar a xente, que coa vacina xa estás libre". "Eu creo que si, que nos estamos relaxando demasiado. A xente non é consciente", comentan dúas veciñas.
Lalín non estivo nunca no nivel máximo de restricións. O pico da pandemia foron 90 casos en febreiro.
"Seguir con cautela. Saíndo un pouco, pero con cautela". "Ir con calma. Temos que seguir así ata que esteamos todos vacinados", din dous veciños.
Seis dos casos actuais rexistráronse en centros escolares, que xa adoptaron as medidas correspondentes.