CRTVG

Buscar

A Revista

Lagariza, da D.O. Ribeira Sacra, escollido o mellor viño tinto de Galicia nas Catas da Consellería do Medio Rural

Publicado o 26/07/2017 13:21

As Catas dos Viños que organiza todos os anos a Consellería de Medio Rural e as cinco denominacións de orixe galegas recoñeceron o Lagariza, da adega Finca Míllara, na denominación de orixe Ribeira Sacra, como o mellor viño tinto da nosa comunidade. Un viño que ademais está vencellado a un interesante proxecto de recuperación do patrimonio natural e paisaxístico da Ribeira do Miño. Imos velo.

Aquí, no lugar da Míllara, no concello lugués de Pantón, a medio camiño entre Chantada e Ourense, o río Miño forma unha das paisaxes máis fermosas da Ribeira Sacra. Na busca dun lugar para iniciar o seu propio proxecto, o maiorista de viños Fernando de Santiago descubriu en 1999 esta paraxe abandonada e namorouse dela.

Fernando de Santiago, fundador de Finca Míllara

Despois de 7 anos e de moitas viaxes para localizar os antigos propietarios destas terras, emigrados por todo o planeta, Fernando conseguiu xuntar as 70 hectáreas de terreo da Míllara para afrontar a súa recuperación.

Estas viñas aséntanse en socalcos sobre as peadas encostas, coma sempre se fixo nestas terras, pero adaptadas aos requirimentos que esixe hoxe a vitivinicultura moderna.

As variedades aquí plantadas son as tintas máis senlleiras da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, mencía, sousón e garnacha, amais dunhas centenarias cepas da variedade godello que sobreviviron ao ataque da praga da filoxera que asolou os viñedos galegos a finais do século XIX.

Canda os viñedos, o proxecto incluíu tamén a recuperación da aldea abandonada da Míllara, 12 casas nas que a prioridade dos seus novos propietarios foi respectar ao máximo a paisaxe e a tradición arquitectónica da Ribeira Sacra.

Unha destas edificacións rehabilitadas acolle a adega de Finca Míllara, onde a madeira, tanto na arquitectura como para a elaboración dos viños, é a gran protagonista, da man dos enólogos Cuco Luna e Raúl Pérez.

Un esforzo que foi recoñecido nas últimas catas do viños de Galicia, organizadas pola Xunta e os cinco consellos raguladores galegos, onde Lagariza foi escollido o mellor viño tinto de todas as denominacións, e non foi o único recoñecemento para esta adega.

Cunha produción anual dunhas 100.000 botellas, das que 40.000 son do viño premiado, esta adega xa está a exportar os seus viños nos mercados exteriores, fundamentalmente nos Estados Unidos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

26/07/2017