CRTVG

Buscar

A incidencia acumulada en Alemaña segue en ascenso e alcanza os 76 casos semanais

Publicado o 13/03/2021 09:24

 

 

A incidencia acumulada en Alemaña segue en ascenso e alcanza os 76 casos semanais

A incidencia acumulada de contaxios de coronavirus na Alemaña segue en ascenso e sitúase agora en 76,1 positivos por 100.000 habitantes en sete días. O sábado da semana anterior o nivel estaba en 65,4 positivos en 7 días.

Os contaxios incrementáronse en 24 horas ata 12.674, 3.117 máis que os notificados o sábado anterior, mentres que o de falecidos foi de 239, por baixo dos 300 de hai unha semana. As cifras confirman a consolidación do ascenso observado durante a semana, despois de que durante febreiro se producira un claro descenso, ata situarse a incidencia na franxa dos 60 casos semanais.

A máxima de positivos de covid-19 nun só día deuse na Alemaña o 18 de decembro con 33.777, mentres que o pico de falecidos foi o 14 de xaneiro con 1.244 en 24 horas; o máximo nivel de incidencia rexistrouse o 22 de decembro con 197,6 positivos semanais por 100.000 habitantes.

O total de falecidos na pandemia é de 73.301 persoas. A chanceler Merkel o os líderes rexionais consensuaron a principios de mes a reapertura gradual dalgúns comercios non esenciais, museos e outras institucións culturais.

Establecéronse distintos niveis de desescalada para as rexións onde a incidencia acumulada se sitúa por baixo ou por riba dos 50 casos semanais. De superárense os 100 positivos en sete días regresaríase ao nivel de restricións anterior.