A Fiscalía do Supremo investigará o rei emérito polo caso do AVE á Meca
A Fiscalía do Tribunal Supremo acordou asumir a investigación que dirixía Anticorrupción sobre o presunto pago de comisións na construción do AVE á Meca ao comprobar que unha das persoas que poderían estar involucradas nos feitos sería o rei Xoán Carlos.
A investigación, segundo informou este luns o ministerio público, centrarase en "delimitar ou descartar" a relevancia penal dos feitos ocorridos desde xuño de 2014, cando don Xoán Carlos deixou de ser xefe do Estado e, con iso, perdeu a inviolabilidade que lle recoñece a Constitución.
Segundo a Fiscalía, "resulta precisa a práctica de novas dilixencias que afectan directamente o rei emérito", que está aforado ante o Tribunal Supremo.
A investigación parte dunhas dilixencias abertas por Anticorrupción a finais de 2018 para investigar as posibles comisións pagadas na adxudicación do AVE a un consorcio de empresas españolas en 2011.
A Fiscalía do Supremo centrará as súas pescudas na fase II da construción da chamado "AVE do deserto", que une as cidades de Medina e A Meca, en Arabia Saudita. A fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado, encargou a dirección da investigación ao fiscal de Sala de Delitos Económicos, Juan Ignacio Campos.
As reaccións
A decisión da Fiscalía do Supremo coñeceuse cando os reis visitaban o Centro de Alto Rendemento do Consello Superior de Deportes. Felipe VI limitouse na súa intervención para reclamar aos españois que actúen como un equipo, solidariamente, para superar a crise provocada pola COVID-19, e Zarzuela optou por non facer tampouco comentario algún.
Por parte do Goberno, o seu portavoz e ministra de Facenda, María Jesús Montero, subliñou que "a Xustiza é igual para todos" e garantiu que o Executivo "non vai interferir" nesa actuación e "colaborará con todo aquilo que sexa necesario" para facilitar o labor dos tribunais.
O presidente de Unidas Podemos no Congreso, Jaume Asens, anticipou que o seu grupo volverá apoiar unha comisión de investigación sobre os negocios ocultos de Xoán Carlos despois de que en abril non asinasen a petición de ERC, JxCat, Compromís, Bildu, BNG e Más País alegando que a prioridade era loitar contra a pandemia. "Agora só falta que PSOE, PP, Cs e Vox deixen de bloqueala", exhortou Asens en Twitter.
Es gravísimo para la democracia que existan sospechas tan serias de corrupción sobre la casa real. Más allá de las consecuencias penales que pueda investigar la Fiscalía, es obvio que esto afecta de lleno al ordenamiento institucional de nuestro país. https://t.co/LNEKp6HPJh
— ᴘᴀʙʟᴏ ᴇᴄʜᴇɴɪQᴜᴇ
Quen iniciou xa os contactos con outros grupos para pedir de novo unha comisión de investigación é ERC, segundo confirmaron fontes parlamentarias. O BNG, a través do seu deputado, Néstor Rego, adiantou que volverá pedir esa investigación no Congreso porque "cada vez é máis evidente que #OsBorbónsSonUnsLadróns".
Más noticias para os que, como a Mesa do Congreso, cren que non hai que investigar a corrupción dos Borbóns. Voltaremos a solicitar a Comisión de Investigación porque cada vez é máis evidente que #OsBorbónsSonUnsLadróns https://t.co/Em9Xf28C0R
— Néstor Rego (@NestorRego) June 8, 2020
Nin PP nin PSOE comentaron o paso dado pola Fiscalía do Supremo. Si o fixo Ciudadanos, cuxo portavoz adxunto, Edmundo Bal,se amosou partidario !da transparencia e a claridade", á vez que dixo ter "toda a confianza" na profesionalidade do fiscal de delitos económicos que se fará cargo da investigación.
Vox acusou o Goberno de meter as súas "sucias mans" en todas as institucións, tras lembrar que o seu presidente, Pedro Sánchez, xa dixo que a Fiscalía dependía do Executivo.
Investigación
O inicio da investigación deste asunto remóntase a xullo de 2018 tras coñecerse a gravación dunhas conversacións entre o excomisario José Manuel Villarejo e Corinna Larsen, amiga do rei Xoán Carlos, na que esta desvelaría que o anterior xefe do Estado tiña contas en Suíza onde cobraría comisións do AVE á Meca e que a utilizou a ela como muller de palla.
As informacións sobre fundacións opacas que servirían para recibir esas comisións provocaron que a Casa Real fixese público un comunicado o pasado 15 de marzo no que Felipe VI renunciaba á herdanza do seu pai e anunciaba a retirada da asignación orzamentaria que recibía don Xoán Carlos.