CRTVG

Buscar

Kiko Novoa e Marcial Mouzo intercambiaron hoxe programa no Día da Radio

Publicado o 13/02/2020 14:21

"A gran sorpresa foi de noite porque a audiencia estaba agardando á unha da madrugada que aparecera a voz de Marcial e aparece a voz de Kiko Novoa e entón a xente preguntando que está pasando aquí", conta Marcial Mouzo, director de Pensando en ti.

Foi a orixinal forma que tivo a Radio Galega para celebrar este día e que mellor que xogar ao descoido con dúas das voces máis queridas da radio. Marcial medrou nesta casa que comezou a emitir en probas un 24 de febreiro do ano 1985.

"Nacín como profesional da radio canda esta casa hai 35 anos. É o gran medio de comunicación por excelencia que se non exitise habería que inventalo", apunta Marcial Mouzo, director de Pensando en ti.

E hoxe quixeron estar máis presentes ca nunca. Por iso abriron os micrófonos aos que canda eles fan a programación, aos seus oíntes.

"A min chamoumr moito a atención o que me contaba hoxe un oínte que dicía que a radio é un bo amigo que sempre está aí e non molesta demasiado e nós, efectivamente, procuramos estar sempre aí, informando, mantendo a xente sempre ao día, sen molestar demasiado pero facendo moita compañía", comenta Silvia Pereira, directora de A crónica

"Eu nacín na aldea e a radio é a miña predilecta". "Na nosa casa está encendida a radio todo o día desde a mañá. O meu home dorme co chiringuillo toda a noite", falan as oíntes.

Próxima, participativa e necesaria. A radio que tantas veces deron por morta, está máis viva ca nunca.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2020