CRTVG

Buscar

Karpov xogará en Vigo dúas partidas de xadrez

Publicado o 24/09/2021 14:51

A moda do xadrez conta con dous importantes aliados nos nosos días: Internet está dándolle unha segunda vida, xa hai centos de millóns de partidas en liña; tamén a serie Gambito de Dama está provocando un furor mundial do xadrez, só comparable á moda provocada por Bobby Fischer e polos propios Karpov e Kasparov nos anos oitenta, como recoñece o mítico xogador.

Anatoly Karpov: "Tamén en Rusia a serie acadou grande éxito, chamouse Raíña do Gambito e tenme dito moita xente que desde a estrea da serie se incrementou a venda de libros e taboleiros de xadrez un 150 %".

Tamén di que non hai receitas nin características infalibles para ser un bo xogador. Anatoly Karpov: "Se cadra o que hai que ter é talento e moito traballo, estudar e ler moitos libros", di.

Anatoly coñece ben Galicia e mesmo Vigo, por onde pasou varias veces, di que lle lembra a rexión dos Urais onde el naceu, con montes, ríos e lagos, e que lle gusta a cidade de Vigo e o seu barrio histórico; tamén ten noticia do seu alcalde, con quen xogará mañá. Coa presensa de Karpov en Vigo, que agora tamén exerce de parlamentario do partido de Putin, pecha un ciclo de difusión do xadrez organizado por un gran centro comercial da cidade en que participou máis dun milleiro de persoas. O xenio do deporte mental xogará tamén co campión da final do trofeo que culminará estes días en Vigo.

Noticias web

24/09/2021