CRTVG

Buscar

Kaio desvincúlase da malleira a Samuel e sinala a Diego e Alejandro

Publicado o 12/08/2021 14:43

Unha hora despois da malleira mortal a Samuel, varios dos principais investigadores tiveron unha discusión con tres persoas nun parque da Coruña pola condición sexual dunha rapaza. Así se recolle nos informes policiais da investigación

A Televisión de Galicia conseguiu hoxe a declaración íntegra dos catro mozos acusados pola morte de Samuel. É o que declararon o venres pasado ante a xuíza que leva o caso, aínda que tres deles só responderon as preguntas dos seus respectivos avogados e fixérono acusándose mutuamente polo ocorrido e incorrendo en varias contradicións.

Un dos acusados é Diego, de 25 anos. Nega ter participado nos feitos, pero para a policía é o principal agresor de Samuel Luiz, xunto con Alejandro. 

Kaio Amaral, tamén en prisión provisional, está acusado de homicidio ou asasinato de Samuel Luiz e de apropiación indebida. Supostamente, marchou co teléfono móbil de Samuel. Conta Kaio que, despois da malleira mortal a Samuel no paseo marítimo, el e varios dos acusados quedaron no parque Europa da Coruña e que, alí, Diego tivo unha discusión con dúas rapazas pola condición sexual dunha delas.

Os acusados de matar a Samuel Luiz, ante a xuíza, móstranse aparentemente tranquilos. Elixen non dar moitas explicacións nin detalles e din que non agrediron ao mozo.

Os documentos policiais revelan, non só que participaron na malleira mortal, senón tamén descobren que, un par de horas antes da malleira no paseo marítimo, xa tiveran unha discusión con Samuel nun local de Riazor na que tivo que intervir o porteiro da discoteca.

Nese local, un dos acusados agochou presuntamente unha botella de cristal no interior da súa roupa. Nos atestados policiais recóllese que, entre case o medio cento de golpes que lle provocaron a morte a Samuel, algúns deles foron propinados, segundo os investigadores, cunha botella de cristal.

Noticias web

12/08/2021