CRTVG

Buscar

JxCat e ERC arrefrían as negociacións pola posible investidura de Puigdemont

Publicado o 14/02/2018 08:51

Novo choque entre Junts per Catalunya e Esquerra Republicana pola negativa do presidente do Parlamento a tramitar a reforma legal para investir a Puigdemont a distancia. Desde o partido do ex-presidente acusan a Esquerra de falta de compromiso. Os republicanos pídenlles que deixen de facerlles reproches se queren retomar as negociacións.

Junts per Catalunya carga contra Roger Torrent polos movementos que fixo este martes. O primeiro, por non levar á Mesa do Parlamento a súa proposición para modificar a Lei de Presidencia da Generalitat e incluír a investidura a distancia. 

O segundo, por pedir amparo ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos para poder investir a Puigdemont. Din que é innecesario se hai o compromiso da Cámara para convertelo en presidente, e acúsano de tomar a decisión de maneira unilateral.

"Estamos perplexos, porque hai decisións que hai que tomalas en consenso con todas as partes", di Eduard Pujol.

Desde Esquerra non dan creto ás acusacións, porque din que a idea saíu do propio partido de Puigdemont. E advírtenlle a Junts per Catalunya que con tantos reproches é difícil que as negociacións avancen.

"Non vale facer unha proposta e logo, como a presenta o presidente do Parlamento, criticala. Poñámonos a traballar con seriedade", di Sergi Sabriá.

Os partidos do bloque constitucionalista tamén critican a decisión de Torrent,  e acúsano de estarse convertendo no avogado defensor de Puigdemont.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2018