CRTVG

Buscar

JxC rexistra sen ERC a reforma legal para investir a Puigdemont a distancia

Publicado o 09/02/2018 21:28

 

Junts per Catalunya impulsa a reforma legal para investir a Puigdemont a distancia. A proposta, feita en solitario, sen Esquerra Republicana, rexistrárona esta tarde no Parlamento. É unha iniciativa para modificar a Lei da Presidencia da Generalitat e poder facer unha investidura telemática de Carles Puigdemont. Junts per Catalunya pídelle á Mesa do Parlamento que a tramite polo procedemento de lectura única, o mecanismo máis rápido para aprobar unha lei. Esquerra advirte que non comparte nin avala a proposta.

Os letrados do Parlamento de Cataluña conclúen que o prazo para convocar novas eleccións non se activou, ao non celebrarse o pleno de investidura. Os xuristas apreman o presidente da Cámara para que desbloquee a situación.

O equipo de letrados do Parlamento catalán insta directamente a Roger Torrent a buscar unha fórmula para desencallar a investidura, ao entender que o reloxo está parado por suspenderse o pleno da primeira votación.

Propóñenlle, por exemplo, que faga un acto equivalente a un debate de investidura, aínda que desemboque nunha votación frustrada. De non facelo, advírtenlle, poderían ser os grupos parlamentarios os que o impulsaran directamente.

En todo caso, tamén admiten os letrados que Torrent pode esperar a que o Tribunal Constitucional decida se retira as medidas cautelares contra a investidura telemática de Puigdemont, xa que entenden que o adiamento do pleno foi consecuencia directa dese informe, e non unha decisión arbitraria do presidente.

O informe non está asinado polo letrado maior do Parlamento, xa que houbo discrepancias entre os propios xuristas sobre a interpretación do regulamento.

O Goberno insta o presidente do Parlamento catalán a propoñer xa un candidato que se axuste ás vías legais. Din desde o executivo que calquera intento de investir a Puigdemont é unha perda de tempo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/02/2018