CRTVG

Buscar

Junts per Cat votará a favor de Sánchez se trata o problema de Cataluña

Publicado o 31/07/2019 10:32

A portavoz de JxCat no Congreso, Laura Borràs, tendeu a man ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, para unha nova sesión de investidura se se abre esta vez para dialogar e "facer política".

Nunha entrevista con Efe, Borràs asegurou que o voto en contra dos sete deputados deJxCat no debate de investidura da semana pasada non foi "un non pechado, senón unha invitación a que Pedro Sánchez se poña a traballar", porque "ten unha reválida en setembro". "O noso voto pode ser transformado se el é capaz de volver facer política. Este non foi un toque de alerta para dicirlle que faga o traballo que lle encargou a xente, que non actúe de maneira que pareza que quere provocar eleccións e repetir os comicios ata que salga o resultado que pensa que lle convén", asegurou. 

Borràs subliñou que en JxCat están "dispostos a falar" co líder do PSOE "sobre todo aquilo que representa a defensa dos intereses dos cataláns". "Estamos sentados alí onde estabamos; quen se levantou da mesa de diálogo foi, precisamente, Pedro Sánchez", remarcou a portavoz de JxCat, en alusión ao fracaso das negociacións de principios de ano sobre os orzamentos xerais do Estado, que precipitou a convocatoria de eleccións xerais para o 28 de abril.
Advertiu, iso si, de que JxCat non modificará o seu voto se non percibe un cambio de actitude nos socialistas: "O que non faremos é mover a nosa posición se non hai un movemento por parte de Pedro Sánchez para abordar o principal problema político que ten o Estado español, que se chama Cataluña".